Friday 17 de May de 2024

Cariño celebrará a XLII Mostra de Teatro Galego cun protocolo de hixiene e prevención #ante a COVID-19


Celebrarase do 9 ao 21 de agosto.

O Concello de Cariño anunciou hoxe que a XLII Mostra de Teatro Galego de Cariño celebrarase do 9 ao 21 de agosto. O evento teatral decano en Galicia non faltará á súa cita anual aínda que nesta ocasión farao dun modo diferente, adaptándose ás circunstancias sanitarias actuais a través dun protocolo de hixiene e prevención #ante a COVID-19.
Unha das principais medidas que tomou o Concello teñen que ver coa organización: durará dúas semanas en lugar dunha co obxectivo de reducir o número de funcións diarias para evitar aglomeracións e facilitar a desinfección dos espazos. Ademais, o teatro na rúa seguirá sendo gratuíto pero desenvolverase nun recinto pechado ao aire libre para o que se necesitará reservar entrada para
acceder.

Será obrigatorio usar a máscara nos espectáculos, durante todo o tempo que se permaneza dentro das instalacións. Haberá dispensadores de xel hidroalcohólico para o público e unha empresa especializada certificará a limpeza e desinfección dos espazos. O persoal acomodador encargarase de colocar aos asistentes e nos espazos de representación instalaranse carteis coas instrucións para seguir.
Ademais, o aforo do auditorio estará reducido á metade e restrinxirase o acceso a todas aquelas persoas que presenten algún síntoma compatible coa COVID-19: febre, tose, dificultade respiratoria…
A presentación oficial da XLII Mostra de Teatro Galego de Cariño será o 28 de xullo ás 11:30 horas e asistirán, ademais do alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, e o concelleiro de Cultura, Jonathan Miranda, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, entre outros. Obradoiros previos
Como vén sendo tradicional en días previos á Mostra, o Concello de Cariño programou dous obradoiros relacionados co evento. Neste caso, o 30 e 31 de xullo celebrarase o taller ‘Pensar en Movemento’ e do 3 ao 6 de agosto o ‘Obradoiro de Teatro con Ghazafelhos”. ‘Pensar en movemento’ celebrarase no Auditorio Municipal de 10 a 14 horas e está dirixido a persoas a partir de 16 anos. Está impartido por Sabela Mendoza e Caterina Varela e propón unha aproximación á danza e ao movemento desde a teoría e a práctica. As sesións combinarán exercicios sinxelos de coreográficos e de movemento con dinámicas de lectura e debate ao redor de textos e materiais audiovisuais. Ademais, daranse a coñecer algunha das figuras actuais máis destacadas da creación coreográfica galega.
O obradoiro de ‘Teatro con Ghazafelhos’ celebrarase no Auditorio Municipal de 10 a 14 horas e está dirixido a persoas a partir de 16 anos. Estará impartido por Montse Piñón e Pepablo Patinho de Teatro Gazhafelhos e por Pablo Sánchez. O obxectivo será coñecer dunha forma práctica distintos métodos para descubrir como contar co noso corpo unha historia. Haberá pantomimas, teatro coas pernas, circo, clown, máscara… e unha clase específica de teatro gestual co actor, director e mestre Pablo Sánchez. Ao finalizar o curso farase unha pequena mostra.
Hai 10 prazas dispoñibles para cada obradoiro e a inscrición debe formalizarse na Oficina de Turismo do 20 ao 28 de xullo ou nos correos cultura@concellodecarino.gal e turismo@concellodecarino.gal .
O concelleiro de Cultura, Jonathan Miranda, destacou que “nas últimas semanas esforzámonos para crear un protocolo que permita que todo aquel que queira gozar do mellor teatro galego, nacional e internacional poida facelo dun modo seguro”.